CONCLUSIÓNS DA REUNIÓN DO PASADO 26 DE XULLO ENTRE AS ASOCIACIÓNS VECIÑAIS DO CONCELLO DE FERROL
envíado por Ferrol | 29 Julio 2008 | sin comentarios
ILMO. SR. ALCALDE DE FERROL
Señor alcalde:
Na tarde do xoves 24 de xullo, e no local da Asociación de Veciños de Ferrol Vello, representantes veciñais de todo o concello mantivemos unha xuntanza para tratar a situación do transporte público no noso municipio e valorar os últimos cambios e as inminentes modificacións que veñen de anunciarse para dito servizo.
Á xuntanza asistiron, por parte da zona rural, as AA.VV. de Serantes, Pazos, Valón, Prioriño, O Lago-Doniños, San Román-Doniños, Covas e Mandiá, así como as AA.VV de Caranza, “O Rosario” do Inferniño, “Fontelonga” de Esteiro, Santa Mariña e Ferrol Vello, pola zona urbana. E dela resultaron as seguintes conclusións, apoiadas unanimemente por todos os presentes:
1. Consideramos que o transporte colectivo é unha necesidade dos cidadáns e un servizo público, e cremos que como tal deben velo e plantexalo as administracións públicas, os usuarios e as empresas que o levan a cabo.
Polo tanto, e en primeiro lugar, parécenos inaceptable que o servizo ofrecido se rixa por criterios empresariais que antepoñen os beneficios económicos ó interese xeral. Somos conscientes de que as prioridades dunha empresa privada son ésas, pero cremos que a Administración ten a obriga de facelas compatibles coas necesidades dos veciños.
2. Cremos que, ó contrario do que estamos a ver no noso concello, o transporte público debe potenciarse, e o seu uso fomentarse, coma unha alternativa ó transporte privado económicamente máis asequible e ecolóxicamente máis respetuosa. De feito, tal é a tendenza dominante actualmente na nosa sociedade, que se enfronta a graves problemas de deterioro medioambiental, de falla de espazo e de perda de tempo derivados do uso excesivo dos medios de transporte individuais; e a tendenza que coidamos debe seguir Ferrol.
Con ese fin, consideramos necesario un replantexamento xeral dos servizos ofrecidos, que debería ter en conta as necesidades reais dos veciños e as súas principais carencias. Cremos imprescindible a elaboración dun estudio que analice esas necesidades e procure solucións, e non se limite, como até agora, a levantar unhas estatísticas de pasaxeiros que só serven para constatar que o actual servizo non é satisfactorio.
Cremos que o carácter de servizo público do transporte non está reñido coa lóxica empresarial, pero que esixe novos plantexamentos que o fagan práctico, asequible e atractivo ós potenciais usuarios.
Nesa liña, e sen ánimo de facer un listado exhaustivo, hai unha serie de medidas que atopamos básicas:
- Ofrecer unhas liñas e uns horarios realistas e prácticos que atendan ás diferentes características das distintas zonas do municipio.
- Mellorar o parque de autobuses; e non só modernizándoos, senon tamén facéndoos mais axeitados en tamaño e versatilidade á súa utilización real, coa sustitución dos antigos coches por microbuses, suficientes na meirande parte dos casos.
- Garantir que unha serie de servizos fundamentais, como o transporte ós centros de saúde ou o de cativos en idade escolar ás horas de entrada e saída dos colexios, quedan cubertos.
- Facilitar e abaratar o servizo, introducindo medidas como o billete único por traxecto completo e un bo servizo de información nas paradas sobre horarios e enlaces posibles.
- Mellorar o transporte interurbano e coordinalo co metropolitano.
3. De acordo co exposto nos dous puntos anteriores, rexeitamos as medidas tomadas pola empresa concesionaria do servizo en Ferrol, RIALSA.
Non entendemos cómo se consinte que unha actividade subvencionada sofra un recorte como o que estamos a ver, con disminucións do servizo, nalgunhas parroquias, de entre o 60 e o 70%, incluida a súa eliminación total nalgúns días da semana.
E esiximos, en consecuencia, a reposición dos traxectos e viaxes eliminados, como medida provisional até acadar unha solución integral ó problema do transporte.
4. Solicitamos formalmente unha xuntanza dos representantes veciñais co Alcalde, coa concelleira coordinadora da Área de Seguridade Cidadán, Tráfico e Transporte Público, e co concelleiro de Tráfico e Transporte Público, como responsables municipais do transporte público e valedores dos nosos intereses diante doutros concellos e fronte á administración autonómica.
Nesa reunión expoñeremos os nosos puntos de vista, farémoslles saber os problemas que a actual situación está a supoñer, e achegarémoslles as nosas propostas, tanto no que ó transporte metropolitano se refire como ó interurbano, co fin de atopar unha solución para Ferrol e facilitar a labor conxunta cos municipios veciños.
Confiando na súa pronta resposta, quedamos á súa disposición.
Ferrol, a 25 de xullo de 2008

www.aduaneirossemfronteiras.org