OS CIDADÁNS PODERÁN SEGUIR EN TEMPO REAL AS SESIÓNS DO PLENO A PARTIR DE HOXE A TRAVÉS DA WEB DO CONCELLO
envíado por Ferrol | 27 Noviembre 2008 | sin comentarios
Xoves, 27 de novembro de 2008
Ferrol sitúase á vangarda de Galicia, sendo unha das primeiras cidades en implantar este servizo de participación. É un compromiso asumido polo alcalde na última xuntanza para a elaboración do regulamento de participación cidadá
Os cidadáns e as cidadás de Ferrol poderán seguir por primeira vez en tempo real as sesións do pleno da corporación a partir de hoxe xoves e a través da web do Concello (www.ferrol.es). Para elo, unicamente deberán entrar en dita páxina e acceder á ligazón correspondente. Así o anunciaba onte o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, quen subliñou que se trata dun compromiso asumido polo propio alcalde, Vicente Irisarri, na última reunión do Grupo de Análise e Proposta (GAP), celebrada o pasado venres. Un grupo que integran distintas entidades e colectivos representativos do tecido asociativo da urbe naval.
Nesta liña, Manuel Santiago explicaba que na mesma xuntanza os membros do GAP lles trasladaron a posibilidade de colgar na páxina web municipal as actas dos plenos para acceder de forma directa aos acordos adoptados e, sobre todo, ao debate establecido. No entanto, o propio edil manifestou neste sentido a intención da institución local de “ir un paso máis aló” e recurrir a Internet para poñer a tecnoloxía ao servizo dos cidadáns coa retransmisión completa das sesións. Unha labor na que están a traballar dende ese día, e en tempo récord, os técnicos do Centro de Recursos Informáticos (CRI) do Concello.
O edil destacaba tamén que a Administración fai uso das amplas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para favorecer e impulsar a participación dos ferroláns e ferrolás na vida política local, así como facilitarlles o acceso a unha información directa e sen intermediarios. Tanto é así que os interesados poderán seguir en vivo e en directo as posturas adoptadas polos distintos grupos políticos e as decisións que se tomen no principal órgano de debate no ámbito municipal, con especial relevancia daqueles temas que lles afecten de maneira máis directa e tamén dos acordos adoptados. Lembrou, de igual maneira, que ata a data, na web municipal xa se colgan as ordes do día das comisións e plenos, así como o resultado destes últimos.
Xa polo miúdo, o coordinador das políticas de Participación Cidadá do Concello ferrolán sinalou que as persoas que desexen acceder á retransmisión precisan tan só dun navegador actualizado e dos codes de vídeo e audio adecuados. Pola súa parte, os técnicos do CRI están a facer o seu traballo e, na xornada de onte, ultimaban as tarefas para montar o servidor que faga posible a retransmisión. Na sesión deste mesmo xoves, que servirá como unha primeira proba, empregaráse unha única cámara, pero xa nas seguintes está previsto a utilización de dúas, que ofrecerán imaxes en cor e mesmo con zoom. Sempre, indicou o edil, intentando primar a comodidade do visionado.
Así mesmo, o concelleiro avanzou que todas as sesións plenarias estarán archivadas en ficheiros na propia web do Concello, de maneira que os ferroláns e ferrolás terán a posibilidade de acceder directamente, e no momento que desexen, a aquela na que se teñan abordado os asuntos que sexan do seu interese.
Con todo, Manuel Santiago salientou a importante novidade que supón para Ferrol esta iniciativa, sendo así unha das primeiras cidades de Galicia en poñelo en marcha, situándose á vangarda das últimas tecnoloxías. Por último, animou aos ferroláns e ferrolás a seguir hoxe mesmo a primeira das sesións que se retransmitirán en www.ferrol.es.

www.aduaneirossemfronteiras.org